30.Out.2013 Xabier Pérez Davila presenta “A batalla polas pensións” en Compostela

 Esta quinta feira 31 de outubro, ás 20:30 horas, na Libraría Couceiro de Compostela, terá lugar a presentación do ensaio “A batalla polas pensións (1981-2013). De como a a clase capitalista quere privatizar os bens comúns e de como as clases trabaladoras se opoñen”. O autor, Xabier Pérez Davila, vai estar acompañado por Xavier Vence, catedrático de Economía Aplicada da USC, e por Vítor Suárez, voceiro de Estaleiro Editora.

Xabier Pérez Davila é economista e profesor. Ten estudado moi profundamente o sistema de pensións, os modelos, a evolución histórica e ideolóxica, e teno reflectido neste ensaio publicado por Estaleiro Editora. Pérez Davila é un experto coñecedor do asunto das pensións, da cobiza que esperta na patronal das aseguradoras, do interese dos poderosos pola financeirización do sistema, pola súa privatización. É un experto comprometido coa loita sindical, coa clase traballadora e coa esquerda nacionalista. En fin, unha persoa que, con certeza, non faría parte de supostas “comisións de expertos” a soldo da patronal.

Neste ensaio analiza os diferentes modelos de protección social, comezando polo chamado sistema de reparto, o sistema do que agora maioritariamente gozamos, o sistema que as aseguradoras, coa complicidade do goberno do Partido Popular, queren liquidar. Fronte a este modelo, solidario, colectivo e social -conquistado polo esforzo común da clase traballadora a raíz da derrota do nazismo no 1945- ao longo dos trinta últimos anos, arrincando coa contrarrevolución conservadora encabezada por R. Reagan e M. Thatcher, a dereita neoliberal vén tentando implantar o chamado modelo de capitalización. Este é un modelo onde só os máis ricos, as aseguradoras e grande banca gañan. Xabier Pérez Davila demostra como non estamos perante unha “cuestión técnica”. Estamos diante dunha nova ofensiva do capital: enriquecer os máis ricos e empobrecer os máis pobres.

“A batalla polas pensións”, como o resto do catálogo de Estaleiro, pode ser descargado gratis do noso web ou ser adquirido a prezos populares nos nosos puntos habituais de distribución.

Comentarios desactivados en Xabier Pérez Davila presenta “A batalla polas pensións” en Compostela

Essentials

Meta

Pages

Categories