17.Out.2013 Xosé García presenta en Betanzos o seu libro sobre os Sem Terra

Da man de Estaleiro Editora, o xornalista melidense Xosé García presentará este venres 18 de outubro, en Betanzos, o seu libro «Baixo a lona preta. Xornal dun brigadista na Bahia do MST».

Trátase dunha crónica que naceu dos diarios e materiais gráficos e sonoros recompilados no verán de 2003, no transcurso dunha viaxe organizada pola ONG galega Amarante, dentro do programa Xanela aberta ao sur, para coñecer de preto o Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra do Brasil (MST). Ademais do relato en primeira persoa das vivencias na outra beira do Atlántico, Xosé García achega aos lectores galegos un documentado estudio acerca das orixes, historia e actualidade desta organización agraria que, coma o Sindicato Labrego Galego, forma parte do movemento internacional Vía Campesina. A maiores, o libro contén unha selección de fotografías tiradas polo propio autor e unha entrevista recente ao líder Sem Terra João Pedro Stédile.

En palabras de Xosé García “a experiencia do MST é máis actual que nunca nestes tempos de desafiuzamentos e ocupacións de vivendas baleiras e terras ociosas. Ao longo de trinta anos de historia, os Sem Terra teñen demostrado que a ocupación de latifundios improdutivos para poñelos en mans de familias labregas pode proporcionar un medio de vida digno a millóns de persoas que hoxe viven en condicións de pobreza e miseria”.

A presentación terá lugar na libraría Carricanta (rúa Doutor José Fariña, 1 -baixo)  ás 20:00 horas, e contará con representantes de Estaleiro Editora ademais do propio autor.

Comentarios desactivados en Xosé García presenta en Betanzos o seu libro sobre os Sem Terra

Essentials

Meta

Pages

Categories