27.Mai.2013 Nova presentación en Compostela das monografías sobre Eagleton e Beck


O próximo martes, 28 de maio, às 20 h. na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela, Estaleiro Editora presenta dúas novidades da súa colección de ensaio: O deseño dun círculo marxista. Unha introdución ao pensamento de Terry Eagleton e Cosmopolitismo versus globalización. Unha lectura de Ulrich Beck. O acto contará coa presenza dos autores respectivos, Xosé Manuel López e Francisco Conde, e será conducido por Miguel Mosqueira en representación de Estaleiro Editora.

As obras son resultado da colaboración continuada que manteñen os colectivos Estaleiro Editora e Proxecto Derriba, ao que pertencen os dous autores. Na monografía sobre Eagleton, Xosé Manuel López, que asina o libro co pseudónimo Karl Hauser, estabelece unha cartografía básica para nos achegarmos á produción dun dos pensadores marxistas máis influentes das últimas décadas, especialmente atento aos procesos simbólicos da vida social e cultural e á activación do discurso crítico cunha función transformadora.

Francisco Conde, que asina como Frank Hauser, elabora igualmente unha sintética mais estimulante introdución ao pensamento de Ulrich Beck. Na obra faise un repaso polas principais categorías sociolóxicas desenvolvidas polo filósofo alemán (sociedade de risco, individualización, globalización, subpolítica, cosmopolitismo…), imprescindibles para comprender as sociedades contemporáneas.

Como é norma nas series monográficas elaboradas polo Proxecto Derriba, publicadas por Estaleiro, as dúas obras apostan por unha clara vontade sintética e pedgóxica, con apoio nunha escolma de textos dos autores estudados.

Comentarios desactivados en Nova presentación en Compostela das monografías sobre Eagleton e Beck

Essentials

Meta

Pages

Categories