22.Xuñ.2012 Publicación e estrea simultáneas de Esgotar os ollos, de Julio Fernández

Os días 22, 23 e 24 de Xuño, no Teatro Ensalle de Vigo, terá lugar a estrea da obra de teatro Esgotar os ollos, escrita e dirixida por Julio Fernández, e levada á escena pola compañía Teatro Anómico.

Esta peza teatral, xunto con outra titulada O chapeu do indixente, conforman a última publicación de Estaleiro Editora dentro da súa colección de teatro. O libro, acabado de saír da imprenta, estará a diposición do público os días da representación.

No sitio web do Teatro Ensalle a peza é presentada deste xeito:

A idea de intensidade motiva esta partitura onde o corpo e a palabra constrúen unha realidade escénica que se rexe con leis físicas autónomas. Desde un punto de vista narrativo Esgotar os ollos podería definirse como peza calidoscópica e didascálica, onde o seu principal personaxe (Eu + Eu), é un home a punto de rematar os seus días nun hospital, e a quen lle sacarán os ollos antes de que quede cego, unha vez firmada a doazón.
Esgotar os ollos é a súa vez un poema épico con fortes resonancias sociais, onde o individuo illado no interior dunha realidade aberrante e disonante reacciona reclamando unha mirada humana e espida dos outros, antes de que os seus pensamentos se apaguen.
“Quero saber cantos inmigrantes morreron hoxe ao tentaren atravesar a fronteira. Quero saber cantos inmigrantes foron encarcerados hoxe por non teren documentación, e separados da súa familia e de si mesmos. Quero saber cantos inmigrantes hoxe foron maldicidos por cheiraren mal e non teren auga para tomar unha ducha esta mañá en metade da nada. Quero saber porqué está prohibido axudar e curar outro home cando este desfalece por ser ilegal. Quero saber porqué a especie humana é unha especie criminal. Quero saber porqué a especie humana é unha especie criminal. Quero saber porqué a especie humana é unha especie criminal. Quero saber porqué a especie humana é unha especie criminal. Quero saber…”.

Comentarios desactivados en Publicación e estrea simultáneas de Esgotar os ollos, de Julio Fernández

Essentials

Meta

Pages

Categories