05.Dec.2011 Presentación de Como estás? en Compostela: textos (e máis)

Neste artigo poñemos a disposición do público o despregábel en formato A3 que, montado por Claudio Pato e X. Carlos Hidalgo, foi repartido por primeira vez na presentación de Como estás? en Compostela como texto adxunto ao poemario. A partir de agora, estará dispoñíbel xunto co libro para a súa descarga no catálogo en rede e nas bancas da Estaleiro Editora.

Grazas á colaboración de Ana Salgado e X. Carlos Hidalgo, ofrecemos tamén os textos que leron na presentación realizada o 18 de novembro na Biblioteca Ánxel Casal.

Ana Salgado comezou a súa intervención do seguinte xeito: “Se soubese algo de termodinámica diría cousa tal que Como estás? é un libro entrópico. A idea de partida débese a Miguel Mosqueira. Ao non ser así, direi que é un libro profundamente empático. A calor é aquí enerxía que non se perde, compártese con vontade igualitaria. Se comparece unha temperatura baixa é en xeados compartidos en Ourense ou no ‘des-comunal frío daqueles invernos’ cando, así e todo ‘vivía / máis preto das túas mans que no champaña do frigorífico'”.

Polo seu lado, o compañeiro X. Carlos Hidalgo afirmou nun momento do acto: “Até que o libro sae do prelo dase entendido pouca cousa porque, até entón, o poema, o poema nas mans do maquetador, aínda non significa nada, simplemente é; habita un limbo do que dificilmente se pode dicir nada. O maquetador habita o poema coma Kaspar Hauser habita o mundo”.

Preme sobre os seus nomes para descargar os textos íntegros de Ana Salgado e X. Carlos Hidalgo.

Ademais, presentamos outros materiais sobre o libro aparecidos nos medios: a entrevista publicada en La Voz de Galicia e a reseña de Román Raña aparecida no suplemento cultural do Faro de Vigo (Faro da Cultura, 17 de novembro de 2011).

Comentarios desactivados en Presentación de Como estás? en Compostela: textos (e máis)

Essentials

Meta

Pages

Categories