22.Xan.2011 A Europa antropófaga, por Vanesa Oliveira

“Elefantes con patas de cegoña. Así retrata esta Europa soberbia, egocéntrica e hipócrita o autor vigués Marcos Abalde na obra de teatro Canibalismo, unha denuncia da barbarie que comete Occidente cada vez que olla cara a outro lado ante as tres cuartas partes da humanidade empobrecidas, violadas, torturadas e ignoradas

Le a crítica completa no web orixinal aquí.

 

A Europa antropófaga

Marcos Abalde presenta hoxe en Compostela a obra de teatro “Canibalismo”, unha “denuncia da barbarie” do Occidente neoliberal

Elefantes con patas de cegoña. Así retrata esta Europa “soberbia, egocéntrica e hipócrita” o autor vigués Marcos Abalde na obra de teatro Canibalismo, unha “denuncia da barbarie” que comete Occidente cada vez que olla cara a outro lado ante as “tres cuartas partes da humanidade empobrecidas, violadas, torturadas e ignoradas”, como reza a contracapa do libro.

O autor presenta hoxe ás 19:30 horas na biblioteca pública Ánxel Casal de Compostela esta peza, que acaba de tirar do prelo Estaleiro Editora, nun acto no que participarán a portavoz da editorial, Íria Sobrino e o dramaturgo e crítico teatral, Roi Vidal. O texto, que se fixo en 2008 co XI Premio Josep Robrenyo convocado pola Associació D”Investigació i Experimentació Teatral (AIET), saíu publicado na revista catalá Assaig de Teatre e a compañía galego-catalá Furafollas tamén fixo unha lectura dramatizada no Ateneu Barcelonès. Porén, é a primeira vez que o podemos ler en Galicia.

A obra comeza co prólogo-manifesto Maquinartaud, no que o autor reivindica un teatro “que complete o mundo, que produza realidade, contra o sentido común”. Abalde ilústrao cun exemplo. “É como facer pintura figurativa ou non, realista ou non. Pódese facer do teatro unha telenovela ou non. Eu penso que hai que darlle máis liberdade á capacidade da palabra”, asegura. “Pór a imaxinación ao servizo do brutal, dunha arte dramática en que se recoñeza o soño como esencia da vida”, engade no texto o vigués.

A acción sitúase en Saraxevo, nunha sociedade de sometemento. “Saraxevo é un símbolo -apunta Abalde- no sentido no que ?i?ek identifica a universalidade coa cuestión da exclusión. Europa permitiu o xenocidio no continente e mirou cara ao outro lado”.

“O neoliberalismo exclúe o control democrático”

Un mundo non tan afastado que o público asiste a atrocidades como dous adolescentes queimando un mendigo, unha anciá devorada polos seus gatos ou o monstro de Amstetten capaz de violar a súa propia filla durante anos. Son excepcións ou é a esencia da nosa civilización? Para Abalde son evidencias do “novo rostro do fascismo social no século XXI”. Na súa opinión, “o neoliberalismo está excluíndo o control democrático e condenando a morte a millóns de persoas. As democracias estanse baleirando de soberanía. O poder tomárono as multinacionais que controlan as democracias dos Estados en todo o mundo e algún día haberá que xulgalas polo seus espolios como se fixo nos xuízos de Nuremberg”.

O libro, deseñado por Nadina Bértolo, evidencia como ese control reverte nun silencio informativo, síntoma da “domesticación absoluta”. De aí que, como indica o autor, “na foto nunca saia o responsable das situacións. Poucas veces sae Botín detrás do BBVA, poucas veces se fala dos paraísos fiscais ou dos multimillonarios que defraudan. Parece que a culpa da crise é dos sindicatos, criminalízase a inmigración mentres as multinacionais espolian os países do sur. O neocolonialismo é unha forma deapartheid global”.

Abalde evidencia, a través de tres actos e un epílogo (teatro-cicatriz), as relacións de poder do “home branco”, a antropofaxia como forma de supervivencia no capitalismo. “Un alto funcionario da FAO comentaba que a capacidade produtiva do planeta podería alimentar o duplo de seres humanos que vive hoxe en día, pero mil millóns de persoas están condenadas á fame. Que cada cinco segundos morra un meniño de fame debería considerarse un delito. Na Bolsa de Chicago, en 2009, a acción dos especuladores condenou 260 millóns de persoas á fame. Iso é un escándalo moral”, afirma. “O canibalismo é voluble. Os primeiros personaxes preséntanse de forma fragmentaria e van evolucionando até acabar con estas pequenas identidades no delirio e na tolemia no III acto, tan poético que resulta case incomprensible”, explica o autor.

Para Abalde, “a maior parte da poboación non asume que é a responsable da barbarie”. Culpa, en parte, ás grandes empresas de comunicación que están “no 99% dos caos en mans do gran capital”. Porén, na súa opinión, iso non resta a responsabilidade da sociedade nesta situación de recorte de dereitos civís. “As bibliotecas están cheas de libros”, remarca.

Abalde, que agora está a preparar unha peza teatral breve para a revista Casahamlet tamén ten publicados textos en Agália,MealibraNovas da Galiza, Renderén ou no desaparecido portal Vieiros. Ademais, este ano o autor tamén recibiu un accésit na sexta edición do premio a artigos normalizadores que convoca o Concello de Carballo, polo texto Por unha Galiza neofalante.Canibalismo, como as anteriores obras que tira do prelo Estaleiro Editora, publícase baixo as licenzas Creative Commons e está dispoñible para a súa descarga gratuíta na páxina web www.estaleiroeditora.org.

Comentarios desactivados en A Europa antropófaga, por Vanesa Oliveira

Essentials

Meta

Pages

Categories